Humoris Causa

En Su Cabeza Era Espectacular

En Su Cabeza Era Espectacular é o segundo espectáculo de Pantomima Full dende que son coñecidos. Nin eles imaxinaban que os vídeos dun minuto ían dar para tanto. Pero aquí están. Se che gustou o primeiro espectáculo de Pantomima Full, curráronse outro 100% novo para que poidas volver a velos e non te sintas estafado.

Se te perdiches o primeiro espectáculo de Pantomima Full, que saibas que a segunda parte enténdese perfectamente sen ver a primeira. E se non sabes quen son Pantomima Full e tampouco sabes moi ben como acabaches lendo isto, vai ser difícil convencerte de comprar unha entrada cunha recensión. Mellor pon “Pantomima Full” en Youtube, e se che mola xa vas á páxina de entradas.

En definitiva, ver a Pantomima Full en directo é unha boa opción para pasar o rato. Se non eres de ir ao teatro, pois é unha noite na que fas algo diferente. Non che vai cambiar a vida, pero que clase de pailán pretende cambiar a vida da xente cunha obriña de teatro. Aquí ves, riste unha hora e pico, marchas e segues coa túa vida de sempre. Para ben ou para mal. E se te decepciona, sempre poderás dicir que: Na súa cabeza era espectacular.