ENTREVISTA A ARMANDO REQUEIXO SOBRE CUNQUEIRO E O HUMOR

Hoxe no EMHU falamos de Cunqueiro e do seu humor. A figura do escritor terá gran relevancia no Encontro Mundial de Humorismo e é por iso que quixemos falar con Armando Requeixo, coordinador de actividades da Casa Museo Álvaro Cunqueiro ademais de investigador, profesor e crítico literario galego.

Tempo de lectura 3 minutos

 

1. Dise de Cunqueiro que «Se molestaba cuando lo definían como escritor humorista, pero en su obra hay mucho humor». Que hai de certo?

É certo que a Cunqueiro non lle agradaba que o cualificasen de ‘humorista’, pero iso ten unha explicación: a el o que non lle gustaba é que o visen como alguén que se quedaba na superficie hilarante do aparente. O seu non era o riso polo riso, senón o sorriso como actitude vital. Tiña unha ollada profunda e esencialmente humorística, o que acontece é que para el o humor era unha filosofía, un xeito de comprender a vida e a súa circunstancia que estaba moi lonxe do riso fácil. Se un le o que deixou escrito no prólogo A Escola de menciñeiros e fábula de varia xente (1960) entenderá mellor ao que me refiro: «Eu son calisquer cousa menos un humorista. Aínda é verdade que me amola un pouco que me alcumen con isto. Conto o que é, decátome de que son vidas humás as que digo. Que alguén ha sorrir dos pasos que relato, xa o sei. Tamén eu me deixo ás vegadas abanear pola sorrisa. Pro ista é outra danza».

Ou sexa: o de Cunqueiro é o humor como actitude a través da cal comprender a vida e os seus horizontes entre a traxedia e a comedia e lograr, así, responder con lucidez epifánica ao conflito que a existencia mesma formula.

 

2. Estaba o humor deostado? E agora?

Aquí teño que facer unha precisión: humor e humorismo son cousas distintas. O humor é un estado afectivo; o humorismo, unha posición ante a vida. Daquela: pode que o humor se reciba dunha ou doutra maneira en diferentes momentos, pero o humorismo é un elemento antropoloxicamente definitorio do ser galego e, polo mesmo, onte coma hoxe está connosco, forma parte do noso xeito xenuíno de ser, así que deostalo é tanto como desprezar os galegos e dou por suposto que ninguén con boa intención pode manter esa actitude.

 

3. Por que cres que é relevante que figuras coma Cunqueiro estean presentes no EMHU?

Porque Cunqueiro é un dos máximos expoñentes do humorismo literario galego. Frecuentar a súa escrita, saber máis e mellor da súa biopoética é aprehender a esencia dunha mensaxe que nos achega a un dos trazos que nos definen como un pobo de seu, como unha comunidade de seres que se expresan humoristicamente de xeito connatural.

 

4. Seica o humor non se inventou nos monólogos, non si? Como era o humor de Cunqueiro?

Hai monólogos nos que inza o humor e, nalgúns casos, tamén o mellor humorismo, pero é certo que Cunqueiro foi un gran precursor. O humorismo de Cunqueiro era sentimental e relativista, procuraba o sorriso do público, mover a súa intelixencia para que comprendese a fondura dos claroscuros que compoñen a alma humana. A súa escrita convidaba á sabedoría, á madureza espiritual, o que implica a comprensión, a ironía, a serenidade, a empatía, a paciencia, a tolerancia e o recoñecemento dos límites dende un fondo melancólico, tamén a defensa retranqueira como autoprotección e a rexouba como expansión.

 

5. Que poderán ver os asistentes na exposición Álvaro Cunqueiro e Mondoñedo: encrucillada de camiños?

A exposición quere ser un convite para coñecer de primeira man algúns dos espazos que marcaron a vida e a obra de Cunqueiro. Mondoñedo está no principio e no fondo de toda a súa escrita. El deixou dito que “dunha maneira ou doutra, nos meus libros está un pouco Mondoñedo”. É máis, nunha entrevista de comezos dos setenta chegou a confesar que non importaba que fabulosos mundos idease porque: «Todas as cidades pequenas das que falo son un pouco a miña cidade por moi diferentes que sexan. Tanto me dá que sexa unha cidade grega a onde chega Ulises ou unha cidade da Bretaña, onde chega o sochantre coas ánimas; todas as cidades son un pouco a miña cidade». Polo tanto, poder visitar a través de dez paneis nos que dialogan textos e imaxes cales foron eses lugares aos que Cunqueiro volveu unha e outra vez e sobre os que escribiu, fabulou ou soñou coido que é o mellor tanto de coñecelo a el como á súa cidade, pois dicir Cunqueiro é dicir Mondoñedo e viceversa.

 

6. E na charla Álvaro Cunqueiro ou a viaxe en espiral?

Cunqueiro foi un creador total, un viaxeiro do espazo-tempo literario irrepetible. Tratarei de explicar isto, de trasladar como non só viaxou dende Mondoñedo ata Mondoñedo trazando unha vertixe de dinamismo espiral, na que ao tempo que se afastaba da súa cidade para ollar e escribir outros mundos volvía incesantemente a ela e, como Anteo no mito, alimentarse das súas raíces e proseguir a súa viaxe vital e literaria. Cunqueiro é Odiseo: viaxou por Galicia e fóra dela e escribiu centos de páxinas sobre os camiños en xeral e sobre o Camiño de Santiago en particular, pero tamén viaxou nos seus textos ao arredado Oriente do Simbad, á mítica Bretaña do sochantre Charles Anne Guenole Mathieu de Crozon e á antiga Grecia de Ulises e, no fluír temporal, aos tempos medievais da materia artúrica con Merlín e dona Xenebra ou á Hélade de Orestes. Todas esas viaxes son millenta e unha única: a viaxe da vida e da creación, a espiral infinda que o levou dende a pequena Mondoñedo ao universo da xenialidade literaria.