O EMHU, o evento humorístico máis relevante de España, ampliará a súa programación no 2024 para ofrecer 11 xornadas continuadas de shows nos que participarán as figuras máis relevantes da escena galega e estatal
Espectáculos únicos, elencos exclusivos e producións propias formarán parte do cartel da cita, que un ano máis conta con Luis Piedrahita como director artístico
A Coruña, 15 de decembro de 2023.- O Encontro Mundial de Humorismo celebrará a súa cuarta edición do 25 de abril ao 5 de maio na cidade da Coruña. EMHU, a cita humorística máis relevante de España, reunirá en 2024, durante 11 xornadas, as figuras máis relevantes da comedia galega e estatal. Serán case unha ducia de días nas que o humor, a improvisación e o impredicible derrubarán, coma se dunha máquina de demolición se tratara, a realidade en prol do sorriso, o deleite e a imaxinación. Porque, tal e como sinala Luis Piedrahita, director artístico do EMHU, “o humor destrúe, si, pero sempre para construír”.
O EMHU, impulsado pola produtoras Etiqueta Negra e El Espectador, regresará aos escenarios coruñeses na primavera de 2024 potenciando a súa proposta programática. O evento, que conta co apoio do Concello da Coruña, Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia e Estrella Galicia, ampliará a súa duración, que pasará a ofrecer un total de 11 xornadas continuadas de humor en maiúsculas, repletas dos shows máis seguidos do momento, producións propias e espectáculos únicos, que contarán cos principais nomes da comedia galega e nacional. Entre as sesións exclusivas que se poderán ver na Coruña, están galas como Fantastic Colofon ou Humoris Causa, citas nas que o EMHU reúne un elenco de grandes figuras que se atopan por primeira vez nun mesmo escenario e nas que o público esgota rapidamente todos os billetes.
O humor regresará á cidade da Coruña como unha máquina de demolición, protagonista do cartel desta cuarta edición, creado polo deseñador gráfico e ilustrador Riki Blanco, que coroa unha bóla de derriba flotante que esboza un sorriso. Tal e como explica Luis Piedrahita, “o humor é unha deconstrucción construtiva que traballa demolendo pensamentos anquilosados, gravidades impostadas e outros ‘blablabás’ para despois rearmar o quebracabezas dos seus anaquiños”. “O humor aborrece o solemne, o pesado e, sobre todo, aos pesados. Cando alguén cos pés no chan ameaza con restrinxir o espazo aéreo das cabezas, o humor torpedéao sen piedade e reconstrúeo de novo, poñéndolle os pés nas nubes e a cabeza na lúa. O humor destrúe, pero sempre para construír”, sinala o director artístico do EMHU.
“O humor é unha detonación controlada. Ao desorganizar a lóxica da realidade, formamos novas e impredicibles estruturas mentais. Logo da devandita demolición, xorden novas arquitecturas para o deleite dos sentidos e da intelixencia”, asevera Riki Blanco, responsable da imaxe gráfica do EMHU xunto coa deseñadora lucense Rebeca Losada. “O humor non é un acto destrutivo, todo o contrario: derruba fugazmente a realidade para construír unha nova versión, debedora da orixinal. Non se esquece dela, xa que sen esa referencia non funcionaría”, engade Blanco.
O EMHU dará a coñecer proximamente os nomes que conformarán o cartel da súa cuarta edición. A programación troncal de espectáculos do EMHU completarase con diferentes actividades paralelas, dirixidas a todos os públicos, que se desenvolverán en distintos recintos culturais da cidade da Coruña.