Con moita tristeza, debemos comunicar que a II Edición do Encontro Mundial de Humorismo (EMHU) prevista do 7 ao 16 de maio de 2021, cancélase por causas de forza maior. A situación de incerteza actual e as restricións de aforo vixentes imposibilitan a execución do evento, tal e como estaba planificado.

Desde a organización do EMHU lamentamos os inconvenientes que esta decisión poida causar, e agradecemos infinitamente todas as mostras de apoio que recibimos de artistas, axencias, patrocinadores, colaboradores e de todos os fans do evento, moi especialmente as das miles de persoas que aínda mantedes a vosa entrada, doce meses despois e tras dous aprazamentos previos.

Nesta ocasión, decidimos optar pola cancelación do evento e proceder á devolución do importe das entradas a todos os compradores, tentando deixar atrás os efectos que a pandemia tivo sobre a nosa actividade, e, deste xeito, poder regresar o vindeiro ano con ilusións e enerxías renovadas.

Actualmente estamos a traballar conxuntamente co concello da Coruña, a quen agredecemos o seu compromiso nestes difíciles momentos, para ofrecervos un reencontro memorable, que leve humor e alegría a todos os recunchos da cidade. A II edición do EMHU terá lugar do 29 de abril ao 8 de maio de 2022, e será o 5 de outubro deste ano cando anunciemos o cartel completo e poñamos as entradas á venda.

Vémonos moi pronto gozando da comedia!

O equipo do EMHU

 

INFORMACIÓN SOBRE O REEMBOLSO DO IMPORTE DAS ENTRADAS

Os posuidores de entradas para o  EMHU 2021 adquiridas mediante tarxeta de crédito, recibirán automaticamente nas súas contas a devolución do importe das entradas adquiridas. Isto pode levar un prazo máximo de 15 días hábiles.

Se pasado ese tempo, algunha persoa non recibiu a devolución, deberá contactar co provedor do servizo de venda a través do cal realizase a súa compra:

Evenbrite: imce@gestiontickets.online

Ataquilla: devoluciones@ataquilla.com

Para os posuidores de entradas para o  EMHU 2021 adquiridas en despacho de billetes, establécese o prazo dun mes, desde o día seguinte ao do anuncio da cancelación, para proceder á devolución. Estas persoas deberán pasarse polo despacho de billetes no que adquiriron a entrada para poder trocarla polo importe correspondente.

Para axuda ou máis información, podes contactar coa organización en emhu.es ou no email info@emhu.es.

O equipo do EMHU