O Encontro Mundial de Humorismo anuncia o palmarés da súa terceira edición, que se celebrará na Coruña do 28 de abril ao 7 de maio. Leo Harlem, Laura Caballero, Siro López e Carlos Ballarta recibirán os Premios EMHU 2023, cuxos galardóns se entregarán na gala de peche Fantastic Colofon. O espectáculo, que será o ramo do evento e contará coa participación de Luis Piedrahita, Carolina Iglesias e Pantomima Full, terá lugar o domingo 7 a partir das 20.30 no Teatro Colón. As entradas para a cita están esgotadas desde hai semanas.
Leo Harlem recibirá o Premio EMHU Wenceslao Fernández Flórez, un galardón honorífico que recoñece a unha figura española cuxa traxectoria, talento e tesón supoñan unha achega significativa na forma de facer comedia. “Con máis de 20 anos de carreira, Leo é un dos iconos máis recoñecibles do xénero do monólogo a nivel nacional, sendo exempelo do humor amable”, sinala o director artístico do EMHU, Luis Piedrahita, quen destaca “a alegría infatigable” do cómico “e a súa maneira divertidísima de estar sempre enfadado”.
Pola súa banda, o Premio EMHU Fenómeno, que se outorga ao fenómeno humorístico revelación do ano, recaerá neste 2023 en Laura Caballero, creadora, directora e guionista dalgunhas das comedias máis exitosas dos últimos tempos en España. Nos últimos meses, Caballero e a súa produtora, Contubernio Films, estrearon a serie Machos Alfa e as novas tempadas de La que se avecina e El pueblo. Tal e como afirma Luis Piedrahita, o EMHU recoñece “o seu traballo inxente, o seu olfato para a comedia e a súa capacidade para reinventar o humor capítulo a capítulo, tempada tras tempada e ano tras ano”.
O humorista gráfico coruñés Siro López, “unha columna na que o EMHU apoiouse desde a primeira edición, gozando e aproveitando o seu coñecemento, cariño e humor”, asevera Piedrahita, será o galardoado do Premio EMHU Fugas que se outorga a unha figura galega de proxección global, e que no 2022 recibiu Cristina Castaño. Finalmente, o Premio EMHU Álvaro Cunqueiro a unha figura internacional da comedia recoñecerá ao mexicano Carlos Ballarta, que o director artístico do EMHU define “como un dos cómicos latinoamericanos máis orixinais, modernos e inspiradores”, e do que destaca “o seu compromiso coa comedia e co humor de altura demostrado nos seus espectáculos Falso profeta, Furla Ñera ou Rebelde Comodino”.