David Amor

Actor, humorista e presentador galego, David Amor comezou a súa carreira en 2001 na TVG co programa O Rei da Comedia. Desde entón desenvolveu unha traxectoria diversa, combinando humor, televisión e teatro. Deuse a coñecer nacionalmente coa súa participación en El Club del Chiste e El Club de la Comedia, o que o levou a percorrer os teatros de toda España cos seus monólogos. Traballou tamén en series como Gym Tony e Aquí Paz y después Gloria. Conduciu o seu propio late night na TVG, Con Amor e Compañía, e foi parte do programa Tu cara me suena. En 2025, convértese en participante de MasterChef Celebrity.

No teatro, triunfou coa comedia Amigos ata a morte, que se converteu na obra máis taquilleira de Galicia. Nos últimos anos, protagonizou Go Home, unha comedia negra con crítica social sobre o turismo masivo e a xentrificación, escrita por José Prieto e dirixida por Tito Asorey. A obra, nomeada aos Premios María Casares, xirou por teatros de toda Galicia. Segue tamén activo no mundo do monólogo e atópase de xira por toda España co seu espectáculo unipersoal de stand-up, Love está en el aire.