Wilbur

Víctor Ortiz, máis coñecido como Wilbur, é ximnasta, actor e artista de circo. Con tan só cinco anos iniciouse por casualidade no mundo da ximnasia artística. Especialista en aparellos de chan, salto e barra, foi perfeccionando a súa técnica ata chegar a competir ao carón de ximnastas como Gervasio Deferr ou Oriol Combarros. Aos 16 anos, quedou ás portas do CAR de Madrid, pero decidiu seguir adestrando e chegou a proclamarse campión de España de acrosport.

Adestrando no seu Alicante natal, coñeceu o malabarista ‘Piti’, co que empezou a actuar. O seu nome artístico, Wilbur, xorde 10 minutos antes de comezar unha actuación en Elche, mentres lía panfletos de publicidade. Nese momento decide que a súa vida vai ser o circo, e chega a formar parte do Cirque du Soleil como acróbata.