Match de Impro

A Escola de Impro

Volve unha das actividades máis populares do EMHU! O encontro humorístico-deportivo máis divertido regresa no 2025 da man d’A Escola de Impro. Unha combinación explosiva de teatro e axilidade na que dous equipos se enfrontan nun duelo de improvisación, interpretando escenas ao instante baixo as regras do xogo e as condicións marcadas en cada tarxeta; todo aderezado cun ingrediente chave: a participación activa do público. Non faltarán o árbitro e os seus asistentes, as puntuacións, os himnos, os equipamentos e, por suposto, moitas risas. Prepárate para vivir a emoción do ‘match de impro’ coma nunca!

Cultura por Alimentos

Evento parte de Cultura por Alimentos. Esta consiste en cambiar simbolicamente a entrada -de balde- pola doazón de produtos que, grazas á colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos, Afundación entregará á entidade local Banco de Alimentos Rías Altas para a súa posterior distribución. Desde o Encontro Mundial de Humorismo convídase a todas as persoas asistentes ás actividades da programación paralela a que fagan a súa achega (troquen o seu acceso libre e gratuíto por unha doazón de alimentos non perecedoiros) e así poder construír un EMHU diferente.