O Encontro Mundial de Humorismo desvela o programa completo da súa terceira edición coa presentación das actividades paralelas, as escolma de propostas de acceso libre ou mediante retirada gratuíta de convite e que terán lugar durante a celebración do evento, entre os días 28 de abril e 7 de maio, na Coruña. A exposición El Guernica: una viñeta universal, humor en la oscuridad, a conversa Picasso e a caricatura, unha sesión de improvisación co alumnado da Escuela de Impro Coruña, o concerto La banda sonora de nuestra risa, conducido por Luis Piedrahita e coa interpretación da Banda Municipal da Coruña, e a presentación do programa Showriano, con Eva Soriano, súmanse á programación do EMHU 2023.
O director artístico do EMHU, Luis Piedrahita, deu a coñecer esta mañá a programación paralela do evento. Fíxoo desde o Pazo de María Pita, na Coruña, onde ofreceu unha rolda de prensa acompañado pola alcaldesa da cidade, Inés Rey; o delegado da Xunta de Galicia na provincia, Gonzalo Trenor; e a responsable de Cultura, Orixe e Proximidade de Hijos de Rivera, Goretti Castro. No acto tamén estiveron presentes artistas que participarán na nova edición do EMHU. É o caso de Carmen Méndez, Javier Veiga, Ledicia Sola, Marta Doviro, Oswaldo Digón e Xosé A. Touriñán.
A programación paralela do EMHU 2023 comezará na propia xornada inaugural do evento. O venres 28 de abril, antes da estrea en Galicia de Buenismo Show, a Casa Museo Picasso acollerá a apertura da mostra El Guernica: una viñeta universal, humor en la oscuridad. Co gallo da celebración do 50º cabodano do pintor, o EMHU, o Instituto Quevedo del Humor e o Concello da Coruña impulsan unha exhibición que conta con traballos de Mingote, Quino, Gallego y Rey ou Flavita Banana, entre outras sinaturas. A través dos cadriños, achegan a súa visión e ideas sobre o bombardeo histórico plasmado por Picasso nunha das súas obras máis universais. A exposición poderase visitar até o 30 de xuño no horario habitual do recinto municipal. Esa mesma tarde, a partir das 19:00 horas, Siro López ofrecerá un parladoiro nomeado Picasso e a caricatura, na que o humorista gráfico, a través do seu propio arquivo, porá sobre a mesa a relación do malagueño con esta arte. A cita, ao igual que a exposición, será de acceso libre.
Ao día seguinte, o sábado 29, a sede de Afundación acollerá un espectáculo de improvisación -de acceso libre até completar a capacidade do auditorio- creado polo alumnado do curso de nivel avanzado da Escuela de Impro Coruña, entidade dirixida por Víctor Grande e Oswaldo Digón. Precisamente Digón será un dos humoristas de Galicia que, no marco do EMHU 2023, estree unha nova peza: a cita coa súa Ansia Viva, na que estará acompañado polo músico Luis Tinaquero, chegará o xoves 4 de maio ao auditorio de Afundación. Un día antes, o mércores 3, e tamén no mesmo recinto, terá lugar a estra absoluta de As R(h)umorosas, unha creación colectiva de Carmen Méndez, Ledicia Sola e Marta Doviro na que as cómicas, a través da comedia, a música e a poesía, imaxinarán e darán voz a algunhas mulleres galegas ilustres. As entradas para estas dúas funcións, incluídas na programación de pago do evento, están dispoñibles na nosa páxina web.
A programación paralela do EMHU 2023 inclúe tamén unha nova edición do concerto La banda sonora de nuestra risa, unha propuesta singular na que o EMHU e a Banda Municipal de Música da Coruña unen forzas, por segundo ano consecutivo, para ofrecer un espectáculo musical na que a risa estará garantida. Se no 2022 a banda percorreu grandes momentos musicais da historia do cinema ou da televisión, desta quenda, baixo a dirección de Juan Miguel Romero Llopis e acompañada de novo por Luis Piedrahita como mestre de cerimonias, a agrupación reinterpretará himnos xeracionais que, grazas ao humor do director artístico do EMHU, non deixarán indiferente ao público. O acceso ao concerto, que terá lugar o xoves 4 de maio a partir das 19:30 horas no Teatro Colón, será gratuíto previa retirada de convite a través da nosa páxina web.
Presentación de ‘Showriano’ no EMHU 2023
Entre as novidades desta edición do EMHU, está a participación, como plataforma colaboradora, de Movistar Plus+, unha vinculación que se traduce na presentación do novo programa Showriano, conducido pola cómica Eva Soriano. Na súa cita coruñesa, que terá lugar o venres5 de maio no Teatro Colón, Soriano contará con Leo Harlem como convidado, entre outras sorpresas. Precisamente ambos humoristas serán protagonistas, xunto con Sílvia Abril e Ana Morgade, da nova gala exclusiva do EMHU que se estreará o sábado 6 en Palexco: Animus Iocandi (19:00 e 22:00 horas). As invitacións para asistir á presentación de Showriano pódense retirar dende a nosa páxina web.