O Encontro Mundial de Humorismo activa esta mañá a venda de abonos e entradas da edición 2024
O público poderá adquirir os seus billetes para as funcións de La capital del pecado 2.0, Mentes peligrosas, Celebreixon, Go Home, Esto no es un show, Tengo cosas para hacer, La nueva normalidad, La ruina, Humoris Causa e Fantastic Colofon a partir das 11.00 horas deste venres 22 na páxina web oficial www.emhu.es e na plataforma www.ataquilla.com
O EMHU 2024 contará, como é habitual no evento, con catro tipos de abonos, cada un deles cun número diferente de espectáculos
A Coruña, 22 de decembro de 2023.- O Encontro Mundial de Humorismo pon á venda este venres, 22 de decembro, as entradas e os abonos da súa cuarta edición, que se celebrará do 25 de abril ao 5 de maio de 2024 na Coruña. A partir das 11.00 horas da mañá, o público poderá adquirir os seus billetes para os espectáculos do EMHU 2024 a través da páxina web www.emhu.es ou da plataforma www.ataquilla.com.
A programación de pago do EMHU 2024 contará con dez espectáculos que terán lugar en cinco recintos culturais. As sedes serán o Coliseum, no que estará Juan Dávila -quen o ano pasado esgotou as entradas para o seu show en cuestión de minutos-; o Teatro Colón, que acollerá boa parte do programa –Celebreixon, Go Home, Esto no es un show, La nueva normalidad, La ruina e a gala de clausura Fantastic Colofon-; o auditorio do Palexco, no que se darán cita as Mentes peligrosas de Ana Morgade, Carolina Iglesias, Eva Hache e Henar Álvarez; a sede de Afundación, na que actuará a arxentina Dalia Gutmann; e o Pazo da Ópera, que acollerá o sábado 4 de maio a gala Humoris Causa -na que se atoparán por vez primeira, xuntos nun escenario, Leo Harlem, Luis Piedrahita, Goyo Jiménez e Sílvia Abril-.
Ademais, tal e como é habitual no EMHU, o público poderá adquirir até catro tipos de abonos diferentes, en función do número de espectáculos que abrangue cada un, desde o máis económico -nomeado ‘Bueno’- até o que inclúe toda a programación troncal de pago -‘Bueno, de lo bueno lo mejor, de lo mejor, lo superior’.
- Abono ‘Bueno’: Humoris Causa + Mentes peligrosas (60€ + gastos de xestión).
- Abono ‘Bueno, bueno’: La capital del pecado 2.0 + Mentes peligrosas + Celebreixon + Go Home
(78€ + gastos de xestión). - Abono ‘Bueno, de lo bueno, lo mejor’: Tengo cosas para hacer + La nueva normalidad + La ruina + Humoris Causa + Fantastic Colofon (87€ + gastos de xestión).
- Abono ‘Bueno, de lo bueno lo mejor, de lo mejor, lo superior’: La capital del pecado 2.0 +
Mentes peligrosas + Celebreixon + Go Home + La nueva normalidad + Esto no es un show +
Tengo cosas para hacer + Humoris Causa + La ruina + Fantastic Colofon (162€ + gastos de xestión).
EMHU 2024
O EMHU é a cita humorística máis relevante de España tanto polo número de espectadores que reúne en cada edición (máis de 15.000 personas no 2023) como polas múltiples funcións e producións propias que ofrece nun único evento. Neste 2024, o Encontro Mundial de Humorismo contará coa presenza das grandes figuras da comedia galega e estatal, como son Álex Clavero, Ana Morgade, Carolina Iglesias, Dalia Gutmann, David Amor, David Cepo, Eva Hache, Galder Varas, Goyo Jiménez, Henar Álvarez, Ignasi Taltavull, Javier Veiga, Juan Dávila, Leo Harlem, Luis Piedrahita, Roberto Vilar, Sílvia Abril, Tomàs Fuentes, Xosé A. Touriñán e As R(h)umorosas (Carmen Méndez, Ledicia Sola e Marta Doviro).
Durante 11 xornadas, o humor e a improvisación provocarán o sorriso e o deleite do público grazas a algúns dos espectáculos máis seguidos do momento. É o caso de La capital del pecado 2.0, Mentes peligrosas ou Esto no es un show; mais tamén de producións propias como Fantastic Colofon e Humoris Causa, citas nas que o EMHU xunta en exclusiva, en cada edición, un elenco de grandes figuras que se atopan, por vez primeira, nun mesmo escenario.
A programación do EMHU, impulsado polas produtoras Etiqueta Negra e El Espectador, e que conta co apoio de Estrella Galicia, Concello da Coruña e Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia, completarase con máis espectáculos e diferentes actividades paralelas, dirixidas a todos os públicos, que se darán a coñecer nas vindeiras semanas. Para máis información sobre o horario das funcións, a sinopse dos espectáculos ou saber que artistas actuarán na Coruña, pódese visitar o espazo web oficial www.emhu.es.