Sílvia Abril, Eva Hache, Eva Soriano, Ana Morgade, Carolina Iglesias, Leo Harlem, Dani Rovira, Ignatius Farray, Xosé A. Touriñán, Pantomima Full, Javier Cansado, Javier Veiga e Luis Piedrahita, entre outras moitas figuras, participarán na terceira edición do Encontro Mundial de Humorismo, que se celebrará do 28 de abril ao 7 de maio.
A programación do festival, impulsado polas produtoras Etiqueta Negra e El Espectador, e que conta co apoio do Concello da Coruña e Estrella Galicia, incluirá a gravación dun programa especial de Estirando el chicle (Premio EMHU Fenómeno 2022) desde o castelo de Santo Antón, ou a estrea en Galicia de Buenismo Show, o espectáculo de Manuel Burque, Henar Álvarez e Quique Peinado baseado en Buenismo bien, o programa radiofónico que presentan. Tamén como novidade, o EMHU acollerá a estrea en España de Garabato controlado, o último show do arxentino Juan Barraza; e a estrea absoluta de dous novos traballos de humoristas de Galicia: As R(h)umorosas, creado por Marta Doviro, Carmen Méndez e Ledicia Sola, e Ansia viva, de Oswaldo Digón e o músico Luis Tinaquero.
O Encontro Mundial de Humorismo é a gran cita coa comedia en directo. Na súa última edición, na que contou coa presenza de Andreu Buenafuente e con funcións de La Vida Moderna Live Show ou Saldremos mejores, entre oturas propostas, sumou máis de 19.000 espectadores. Nesta ocasión, o EMHU reúne durante dez días na cidade herculina as figuras do humor máis relevantes do momento en España en propostas únicas e exclusivas que só se poden ver nesta cita. É o caso de Humoris Causa, que este ano xuntará a Eva Hache, Dani Rovira, Javier Cansado e Xosé A. Touriñán sobre o escenario do Pazo da Ópera; ou de Fantastic Colofon, a gala de peche do evento, que desta quenda contará con Carolina Iglesias, Pantomima Full e o director artístico do festival, Luis Piedrahita, sobre as táboas do Teatro Colón. Como novidade, o EMHU celebrará a estrea absoluta dunha nova gala de produción propia de gran formato, Animus Iocandi, coa que o evento regresará ao recinto de Palexco para ofrecer unha sesión rebordante de sorrisos da man de Ana Morgade, Eva Soriano, Leo Harlem e Sílvia Abril.
Fiel ao seu espírito, o EMHU tamén programará sesións dalgúns dos espectáculos máis seguidos do momento. É o caso de La capital del pecado 2.0, de Juan Dávila, que se estreará en Galicia no marco do festival, ou La Ruina, o show de Ignasi Taltavull e Tomàs Fuentes que promete ser un dos momentos máis inolvidables da edición. Tampouco faltarán esta primavera á súa cita coruñesa co EMHU Ignatius Farray, que presentará La comedia salvó mi vida; ou os protagonistas de Sin datos no hay paraíso que, logo da súa estrea absoluta no EMHU 2022 e de xirar por distintas cidades da península, regresa ao festival para festexar a súa graduación teatral da man de Animalize21, Car de Lorenzo, El Cejas e Xurxo Carreño.
A programación de pago do EMHU 2023 achegarase, ademais, á pantalla grande. O 30 de abril proxectarase por primeira vez en Galicia, no Teatro Colón, Amigos hasta la muerte, a adaptación cinematográfica escrita e dirixida por Javier Veiga da exitosa obra de teatro e que se estreará este mes no Festival de Málaga. Será unha sesión especial que contará cun breve coloquio e espectáculo no que se citarán, ademáis do propio Veiga, Marta Hazas, David Amor e Xosé A. Touriñán. Esta será a primeira mesa redonda que teña lugar na edición de 2023 do EMHU, nun evento no que se celebrarán diferentes encontros e iniciativas abertas ao público no marco da programación de actividades paralelas, que se dará a coñecer proximamente.