El Nicho
David Perdomo
David Perdomo abandona o salón da súa casa para desembarcar no Encontro Mundial de Humorismo con El nicho, o seu novo podcast de entrevistas sobre perfumes. Si, leron ben, perfumes: cheiros que non se poden compartir por Youtube, pero que todo o mundo sente no seu programa. Unha serie de entrevistas que, como el mesmo afirma, “cheiran a xofre” e na que se abriron en canle, con moito humor e retranca, figuras como Melania Cruz, Dani Rovira ou Lúa Mosquetera, por mencionar tan só algunhas. E, nesta ocasión especial, Perdomo non podería elixir un convidado mellor: nin máis nin menos que o seu gran cómplice sobre os escenarios Xosé A. Touriñán, un dos cómicos máis queridos polo público do EMHU.
David Perdomo
Hai 20 anos David Perdomo, tras a súa formación como actor e cómico, comeza a súa carreira nos escenarios. Cos seus monólogos e escenas máis disruptivas, gaña o corazón do público e, moi pronto, comeza a traballar xunto a Xosé A. Touriñán e Roberto Vilar en Land Rober.
No ano 2010 a popularidade de David dispárase grazas a unha serie de vídeos emitidos en Youtube nos que interpreta a diferentes personaxes, entre os que destaca o “Koruño”. Esta parodia dos coruñeses faise viral ata o punto de converter ao personaxe nunha icona pop de Galicia.
O boom do “Koruño” lévao a dar o salto á televisión nacional. La Noche D xunto a Dani Rovira ou No le digas a mamá que trabajo en la tele xunto a Goyo Jiménez ou Iñaki Urrutia, son dous dos programas de éxito nos que participa o cómico e actor coruñés.
Xa de volta en Galicia, cada fin de semana Perdomo visita os teatros cos seus espectáculos e, cada 15 días, reúne aos seus fieis ao redor do seu proxecto máis persoal: El Nicho.
Cultura por Alimentos
Evento parte de Cultura por Alimentos. Esta consiste en cambiar simbolicamente a entrada -de balde- pola doazón de produtos que, grazas á colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos, Afundación entregará á entidade local Banco de Alimentos Rías Altas para a súa posterior distribución. Desde o Encontro Mundial de Humorismo convídase a todas as persoas asistentes ás actividades da programación paralela a que fagan a súa achega (troquen o seu acceso libre e gratuíto por unha doazón de alimentos non perecedoiros) e así poder construír un EMHU diferente.