El sentido de la birra

Ricardo Moya / Antonio Resines

Este 2024, chega por primeira vez ao EMHU un dos podcasts do momento, El sentido de la birra, o programa de entrevistas creado en 2018 por Ricardo Moya e que, desde entón, non deixou de gañar adeptos por centos. A proposta, en formato íntimo, humano e con grandes doses de humor, descobre a cara máis próxima dos personaxes públicos e achéganos, tamén, a persoas descoñecidas cun coñecemento que compartir ou unha gran historia que contar. Nas entrevistas, falan da súa vida, da súa carreira, da cotiandade no seu día a día…, mentres comparten unhas cervexas nun ambiente relaxado e sen guion. Na Coruña, El sentido de la birra promete emocións fortes e grandes risas da man dunha das figuras imprescindibles do cinema e da televisión española das cinco últimas décadas: Antonio Resines.

Ricardo Moya

Ricardo Moya é un músico, ‘youtuber’ e cómico valenciano afincado en Madrid. Estudou a carreira de guion, dirección e produción cinematográfica e traballou como creativo publicitario e guionista, en España, México e Arxentina. En 2018 iniciouse no mundo da stand up comedy, creando o programa El sentido de la birra (aloxado en Podimo e en Youtube, xa con máis de 400 entrevistas) como un espazo para preguntarlle a cómicos profesionais e personalidades do show business todas as súas dúbidas sobre o oficio.