Match de impro
Escuela de Impro Coruña
O encontro humorístico-deportivo máis divertido chega este 2024 ao EMHU da man da Escuela de Impro Coruña. Unha mestura entre deporte e espectáculo teatral na que dous equipos se enfrontan, durante un tempo definido, interpretando escenas improvisadas no momento, baixo as directrices marcadas nunha tarxeta, cumprindo co regulamento que marca o xogo e… o máis importante, contando coas participación activa do público. Á cita non faltarán o árbitro e os seus asistentes, regulamento, puntuacións, himnos, equipamentos e moito máis. O espectáculo está servido!
Escuela de Impro Coruña
A Escuela de Impro Coruña é artífice da maior parte de espectáculos de improvisación teatral que se poden gozar nos locais e salas máis recoñecidos da cidade.
A Escuela de Impro Coruña comezou a súa andaina en 2022, da man de Oswaldo Digón e Víctor Grande. Eles, con máis de 20 anos de experiencia en artes escénicas e comunicación, imparten formacións de distintos niveis. O obxectivo deste singular centro de enseñanza é achegar, formar e adestrar a disciplina da improvisación teatral, ademais de ofrecer unha plataforma para poder realizar, crear e distribuír os distintos espectáculos que elabora o alumnado. Este 2024, a escola -que conta cun total 30 “estudantes”- participa por segundo ano consecutivo no EMHU co seu xa clásico Match de Impro.
Cultura por Alimentos
Evento parte de Cultura por Alimentos. Esta consiste en cambiar simbolicamente a entrada -de balde- pola doazón de produtos que, grazas á colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos, Afundación entregará á entidade local Banco de Alimentos Rías Altas para a súa posterior distribución. Desde o Encontro Mundial de Humorismo convídase a todas as persoas asistentes ás actividades da programación paralela a que fagan a súa achega (troquen o seu acceso libre e gratuíto por unha doazón de alimentos non perecedoiros) e así poder construír un EMHU diferente.