Xa está aquí a nosa programación gratuíta! Queda só mes e medio para que o noso plan de reurbanización da comedia se leve a cabo. A estas alturas deberíamos saber de sobra que A Coruña é a Capital do Humor, pero con estos eventos remataremos de reconvertela na Gran Metrópole do Humor para público de todas as idades. Esperamos que o desfrutedes!

O EMHU comezará oficialmente o 25 de abril grazas á colaboración dos maiores expertos en deseño experiencial de Galicia. El Nicho, o podcast de David Perdomo que nos ensina a cheirar cos cinco sentidos, realizará unha edición especial en directo na Sede Afundación. Contará coa inestimable compañía de Xosé A. Touriñán, con quen colaborou en innumerables aventuras arquitectónicas nisto do humor. Remataremos o festival cunha experiencia de regusto similar, e é que, o 5 de maio, El sentido de la birra será a actividade coa que faremos que a despedida non sexa tan dura. O podcast de Ricardo Moya contará, tamén, con outro invitado de altura: Antonio Resines visitará o EMHU por primeira vez para tomarse unha Estrella Galicia ben fresquiña connosco.

Se che gusta conversar, pero non diante dun micrófono, non te preocupes: temos alternativas para ti. Dentro da nosa programación gratuíta, este ano contaremos con varias mesas redondas e presentacións que saciarán as túas ansias de coñecemento: Achegarémonos aos cimentos do humor dende perspectivas empresariais, con O negocio do humor; dende os límites con Coidado coas bromas: Unha mesa redonda sobre os perigos da comedia; dende ópticas maduras con Lo que me han enseñado los mayores; e dende perspectivas persoais, coa presentación de Sílvia Abril do seu libro Pérdidas de risa.

Con todo, se estes planes che resultan demasiado premeditados e buscas algo máis espontáneo e natural, non te preocupes: tamén hai un plan que non te podes perder. A Escuela de Impro Coruña volve ao EMHU para propoñernos un Match de Impro, unha competición na que todo pode pasar e na que a participación activa do público é máis que necesaria 😉

Agora que xa coñeces a programación completa do EMHU 2024, chegou o momento de que te poñas mans á obra e constrúas o teu propio Encontro Mundial de Humorismo. Podes consultar toda a información relacionada co evento na nosa páxina web. Vémonos moi pronto!