Chegou o día! Non vos facemos agardar máis para completar a cartela deste #EMHU2026: novos shows que poderedes engadir aos vosos itinerarios, actividades para todos os públicos, exposicións, un podcast en directo, coloquios e ata un curso de Clown impartido por un formador de alto nivel. Case nada, non si?

Este derradeiro anuncio vén marcado polo regreso de Facu Díaz co seu lúcido stand-up “Esto no es culpa de nadie” e polo espectáculo Animus Iocandi, onde Ignatius Farray, David Perdomo e Laura Márquez garantirán unha velada inesquecible.

Traémosvos un abanico moi amplo actividades excepcionais de balde, coma o encontro único de “Mi media comedia”, unha charla entre dúas mulleres que fixeron historia na televisión: Eva Hache e Malena Alterio, ou o noso mítico Match de Impro. Tamén haberá oco para a curiosidade en “¿Esto se entiende? Trabajo individual y colectivo”, onde seis personalidades da comedia e do arte nos amosan todo o que se agocha no seu grupo de WhatsApp, mentres que a maxia de “El velocípedo mágico” e a exposición “Comedy Wildlife” completan unha oferta deseñada para gozar cos máis peques da casa. O mundo do podcasting tamén terá o seu oco co éxito de “Torreznos Podcast” xunto co visionado de “Sujétame el cubata”, onde o propio JJ Vaquero protagonizará un coloquio exclusivo para descubrirnos a súa faceta cinematográfica de primeira man.

Para as que buscades divertirvos e aprender ao mesmo tempo, abrimos a convocatoria do curso de Clown impartido por Jöns Pappila, onde aprenderemos a converter o medo na nosa ferramenta máis útil para a oratoria.